Camiño das culturas e das linguas.

Diversidade cultural e lingüística no camiño de Santiago

 

Descrición do proxecto


Entre os obxectivos básicos do proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago atópanse os seguintes:

- Promover o coñecemento da diversidade lingüística europea, as súas orixes e as conexións entre todas las linguas, creando conciencia de que  la pluralidade lingüística e cultural é un elemento básico para potenciar a identidade europea e propiciando ademais un diálogo entre as linguas e as culturas ao longo dos camiños de Santiago
 
- Dar a coñecer a orixe, a evolución e a riqueza, así como as relacións entre as diferentes linguas europeas e a longa historia da conexión existente entre elas.     

- Fomentar unha mellor comprensión das culturas locais e rexionais e, en particular, o coñecemento das linguas europeas, as que se falan e se falaban ao longo dos camiños a Compostela.

A celebración dun congreso dedicado ás linguas e as culturas de Europa, principalmente ás que están asociadas ao camiño de Santiago, servirá de punto de encontro de especialistas nesta materia e nel trataranse os aspectos intrinsecamente europeos na historia das culturas e das linguas das diferentes rexións que conforman este continente.
O congreso “Europa nas súas linguas e culturas” reunirá expertos de diferentes estados europeos relacionados coas linguas, principalmente minoritarias, e co camiño de Santiago e servirá de punto de encontro para a reflexión sobre o papel das rutas xacobeas na diversidade cultural e lingüística de Europa (e na súa conformación) así como nas influencias e relacións existentes entre elas.

 

 

Programa de difusión internacional “Europa nos camiños a Santiago”

 

O programa de difusión internacional sobre Europa nos camiños de Santiago incluirá elementos como materiais diversos (folletos, guías, pósteres, programas…), exposicións itinerantes etc. Recollerá e materializará os aspectos comúns e que se poden identificar como propiamente europeos nas culturas e nas linguas das rexións que atravesan os diferentes camiños que levan a Santiago.
Programarase unha exposición itinerante, que se poderá integrar nos centros de interpretación, que inclúa obras literarias e estudos lingüísticos e sociolingüísticos nas diferentes linguas do camiño, así como material sonoro. Esta exposición dará mostra da diversidade lingüística e cultural e da produción literaria e investigadora nas diferentes linguas.
Entre os obxectivos principais cóntanse o de vincular as diferentes linguas e culturas de Europa ao camiño, destacando o papel integrador e de acollida que este tivo ao longo da historia, e o de dar a coñecer entre os peregrinos e as peregrinas e a poboación en xeral a diversidade lingüística e cultural de Europa.
A actuación máis significativa vai ser a posta en marcha dunha exposición itinerante sobre as linguas e as culturas que atravesan o camiño de Santiago con obras literarias e científicas (de carácter lingüístico e sociolingüístico) e material sonoro nas diferentes linguas do camiños, con especial dedicación ás minoritarias.

 

 

Portal plurilingüe sobre a historia cultural das diferentes rexións europeas ligadas ao camiño de Santiago (www.camino-eu.com)

 

Esta web recompilará os textos, datos, documentos e imaxes máis importantes sobre as linguas e a peregrinación. Ademais dará cabida a todos os produtos elaborados no marco deste proxecto.
O portal será plurilingüe e terá un carácter fundamentalmente didáctico. Proporcionará información sobre a situación cultural e lingüística nos diferentes períodos históricos, nos distintos percorridos polos camiños de Santiago. A través de textos, imaxes, mapas ou diagramas, e dunha forma interactiva, poderanse coñecer os fitos esenciais da historia lingüística e cultural de Europa.
Os documentos e obras sobre o fenómeno da confluencia cultural e lingüística nos diferentes camiños a Santiago que albergue esta web poderanse descargar en diferentes linguas.
De maneira didáctica, a través dunha liña do tempo, poderase visualizar a situación cultural e lingüística das diferentes rexións percorridas polos camiños de peregrinación, así como os fitos máis importantes deste ao largo da historia, podendo, cun simple clic, nun determinado ano ou século, dispoñer dun sinxelo panorama didáctico e moi efectivo á vista, dende o que se poderán descargar máis documentos se se desexa afondar máis na materia, visualizar vídeos, escoitar gravacións etc.
Ademais, será posible ver un mapa de Europa no que se vaian delineando os camiños de peregrinación e os acontecementos máis destacados en materia cultural e lingüística nun determinado momento histórico. Este mapa tamén será interactivo, é dicir, cambiará dependendo do momento cronolóxico e da área europea que se desexe visualizar, cargando a información máis importante para cada momento e cada lugar concreto.
O primeiro dos obxectivos é poñer a disposición da poboación europea e mundial a información máis destacada sobre a peregrinación como factor esencial para a conformación cultural dos países e das linguas de Europa, sen esquecer a recollida e publicación dixital nas diferentes linguas do camiño dos documentos e das obras máis importantes para o coñecemento sobre a peregrinación e a identidade lingüística e cultural dos diferentes pobos de Europa.

 

 

Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN            KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
Congress Santiago (21./22.10.2011)
Congress Santiago (21./22.10.2011)