Dende que, no ano 2003, vivín uns meses cunha familia en Santiago de Compostela para aprender español, tomei unha decisión: a vindeira vez non poría rumbo á cidade en avión, autobús ou tren, senón que percorrería o Camiño de Santiago a pé como unha peregrina. A esta decisión cheguei grazas á aberta e relaxada atmosfera de Santiago e ás miradas de moitos esgotados pero ledos rostros de peregrinos. Ademais gústame moito facer sendeirismo. Para min é o xeito perfecto de coñecer lugares e xente. Aínda que, ou mellor dito, porque me teño que esforzar fisicamente, o meu espírito pode relaxarse. É incriblemente satisfactorio superar unha etapa paso a paso e ao final do día chegar a un destino novo e aínda por coñecer sen recursos técnicos. Ata que puiden emprender a peregrinación polo Camiño Francés cun amigo pasaron algúns anos, xa que o que máis se necesita é tempo. En setembro de 2007 tampouco tivemos, por desgraza, tempo suficiente para percorrer todo o Camiño Francés –case 800 quilómetros dende St. Jean-Pied-de-Port, pouco antes da fronteira franco-española, ata Santiago–. Só puidemos coller tres semanas nas vacacións de semestre, pero tivemos que facer, moi avergoñados, o percorrido entre Burgos e Villafranca del Bierzo en tren. Antes de comezar, merquei guías de peregrinación e lin o bestseller de Kerkeling “Ich bin dann mal weg” e o esotérico “O diário de um Mago” de Paulo Coelho. Pero por sorte a miña experiencia peregrinando foi bastante individual. Só quería camiñar por amor a camiñar: para me mover, estar todo o día ao aire libre e poder falar por fin español fóra da universidade. Equipados coa credencial e coa cuncha de vieira, símbolo do peregrino, comezamos a primeira e máis dura etapa a través dos Pireneos, cuxa subida fainos suar, a nós, peregrinos aínda inexpertos. Polo camiño cara a España atopámonos nos salvaxes e illados montes só con cabalos salvaxes e sobre nós voan en círculo os voitres. Surrealista e mesmo lúgubre, pero a recompensa é a vista cara abaixo do mosteiro de Roncesvalles, onde durmo mellor que nunca en moito tempo, a pesar dos ronquidos no albergue. O Camiño guíanos a través dos verdes cerros de Navarra ata Pamplona, onde deambulamos polas estreitas calellas. Ao día seguinte camiñamos sobre a maxestosa ponte de Puente la Reina e trabamos conversa con outros peregrinos de diferentes nacionalidades. Chapurreamos en français, castellano e english e se non atopamos unha palabra, utilízanse as mans e os pés en caso de urxencia. As frechas amarelas móstrannos –case sempre eficazmente– o camiño, e se ás veces seguimos sen estar moi seguros nunha bifurcación, axúdannos os montículos de pedras. Procedemos cara a Burgos, onde lles permitimos aos nosos pés un día de descanso e montamos no tren cara ao oeste. Nun alto recíbenos O Cebreiro coas súas casiñas redondas agochadas polas canas. Estamos en Galicia e achegámonos á nosa meta. Carrizas, lianas, raíces con moitos nós... Unha podería pensar que está na selva de non ser porque cada tantos centos de metros aparece unha parroquia con dúas ou tres casa e cabazos. Os paisanos saúdannos agarimosamente en galego, alédanse cando lles respondemos cun “Bos días” e ofrécennos framboesas para mercar. As vacas moxen e os cans e os gatos acompáñannos un anaco do camiño. Nunha festa en Melide agasállannos cos mellores pementos de Padrón do mundo e pasamos a derradeira noite no albergue de película de Ribadiso, moi ben situado. Comeza a derradeira etapa; por un lado moi esperada, pero polo outro desexaríamos non chegar nunca. No Monte do Gozo albiscamos as portas da Catedral e pouco tempo despois xa camiñamos polo casco vello ao son das gaitas, sentamos na Praza do Obradoiro e gozamos con moitos outros peregrinos do contraditorio momento da chegada; melancólicos e esgotados e orgullosos e felices, un pouco de todo. Ben é certo que non experimentamos ningunha iluminación como Coelho, pero tampouco é que o Camiño estivese cheo de peregrinos, como ten dito Kerkeling. Todo o contrario, nós non pertencemos ás vítimas do turismo en masa, non tivemos que botar unha carreira cos outros peregrinos para facernos coa derradeira cama do albergue. Independentemente do boom que sufriu o Camiño de Santiago nos medios, sempre tes o suficiente campo libre para decidir como queres peregrinar. Aos apaixonados do sendeirismo e a aqueles que o queren ser, só podo recomendarlles ir coñecendo a modiño as linguas e as culturas ao longo do Camiño.
Beke Sinjen (*1984), licenciada en Estudos Literarios (Xermanística e Hispanística) e Historia da Arte pola Universidade de Kiel, fixo o Camiño de Santiago dende St. Jean-Pied-de-Port ao longo de tres semanas.