O Camiño de Santiago implica moitos tipos de camiño á vez: marabillosos carreiros intercalados na paisaxe, rutas que che levan polos confíns do mundo, pero tamén sendeiriños de parroquias pequenas e mesmo estreitísimos camiños de aldea. Tamén hai que peregrinar algúns tramos pola autoestrada, lonxe da sosegada tranquilidade que acompaña a un sobre todo ao longo dos últimos quilómetros e á que despois se lle bota de menos.
Os pés son a parte do corpo crucial na peregrinación; hai que mantelos sans. Ou para explicalo con maior exactitude: hai que mantelos sen bochas. As bochas son esas pequenas inchazóns na pel cun líquido dentro que saen cando os calcetíns quedan demasiado cinguidos e rozan co pé húmido e suado. Seguramente agora se estean preguntando: e por que describe este a orixe das bochas? Pero é que as bochas, o medo a que saian e a cuestión acerca de con que remedio milagroso se curan preocupa a todos os peregrinos, xa que camiñar con bochas nos pés c’est l’horreur! Por iso só podo aconsellar ter ollo á hora de escoller o calzado e non descoidar os primeiros pasos da andaina. Os zapatos son simplemente o utensilio máis importante na peregrinación.
Permítanme que lles fale agora sobre o significado das frechas amarelas. Pero, como definir o significado destas frechas que, dende o primeiro ata o último paso do peregrino son ao mesmo tempo mapa, compás, punto de referencia e áncora salvadora? Imaxínense unha viaxe de Kiel a Múnic co coche por carreteira nacional sen GPS nin mapa e que un teña que se orientar só mediante sinais que aparecen cada poucos quilómetros. Máis ou menos así é como funciona o Camiño de Santiago.
Segundo as guías de viaxes, en comparación co resto de tramos do Camiño, en Galicia hai poucos monumentos históricos que pague a pena visitar. Pero en compensación a paisaxe desta rexión é monumento suficiente. Galicia é unha Comunidade Autónoma ao Noroeste de España que comparte fronteira ao sur con Portugal e ao oeste co Océano Atlántico. O clima é atlántico e en comparación coas cálidas rexións do sur de España, temperado e chuvioso. Unha particularidade da rexión é a segunda lingua oficial, o galego, que alí se fala ademais do castelán. Varias veces durante a miña peregrinación eu mesmo puiden apreciar que a meirande parte da poboación domina o galego e o emprega día a día. Aínda que recoñeco que falo bastante ben español, sempre había algunha conversa na que non lograba entender moitas cousas. Aínda lembro cando lles preguntei ás señoras da xanela nun museo de peregrinos en Santiago se era posible que a xente se dirixise a min en galego. Elas contestaron que si vehementemente e dixeron que moitos galegos preferían falar a lingua galega a falar a castelá. Aliviado comprobei así que o meu dominio do español quizais non fose tan terriblemente malo.
No que respecta ao día a día do peregrino podo contarlles que a maioría deles, sobre todo os que percorren todas as etapas do Camiño, levan un ritmo que en realidade só consta de catro aspectos: peregrinar, comer, lavar(se) e durmir. Esta é a xornada que a un lle espera no Camiño de Santiago. Hape Kerkeling describe este mesmo ritmo, ao que por certo tamén el se tivo que axeitar na súa aventura dun modo parecido. Para min o máis especial no Camiño de Santiago foi o contacto con outros peregrinos, o intercambio cultural. A segunda noite trabei amizade con dúas rapazas filipinas cuxa primeira aventura lonxe do seu país natal era precisamente o Camiño de Santiago. Cando as coñecín xa levaban percorridas 29 etapas do Camiño Francés. Presentáronnos as súas experiencias no Camiño como un “camiño-dance” creado por elas. O baile proporcionáballes un ritmo diario no camiño, reforzado con cancións e xestos. Mostráronnolo dun xeito tan optimisma e seductor que o meu grupo se puxo de pé e comezou a bailar. Ao final acabamos cantando todos xuntos, dende clásicos americanos pasando por cancións infantís alemás ata un só dunha camareira ucraína. Este sentimento de unidade, a harmonía que vivimos esa noite pertence sen dúbida ningunha aos momentos máxicos do Camiño.
E chegou o momento da verdade. A última etapa comezara e quedaban por camiñar 19 quilómetros dende Pedrouzo ata Santiago de Compostela. Cando se sabe que a chegada a Santiago é inminente, ese mesmo día camíñase automaticamente máis rápido e espérase en cada esquina que finalmente apareza o indicador da cidade. Lembro perfectamente o momento de cruzar o arco que leva á praza de diante da catedral e no que diversos artistas monstran o mellor da súa profesión. Cando eu crucei o arco, un rapaz estaba tocando a gaita. Foi un sentimento fenomenal atravesar esa porta ao ritmo dese músico. Entón cheguei á praza e contemplei a catedral. O espazo estaba cheo, algúns peregrinos estaban sentados no chan, esgotados pero felices. Deixaran os seus utensilios de viaxe tirados ao seu lado e observaban cheos de asombro a catedral e ao mesmo tempo o espectáculo que se presentaba cando novos peregrinos chegaban á praza. Sentín a necesidade de volver a facer outra vez todo o Camiño dun xeito que nunca volveu ser tan intenso coma nese momento no que observaba como os peregrinos que completaran o Camiño Francés chegaban á praza de diante da Catedral de Santiago de Compostela.
Nils Jureczek peregrinou en Galicia ao longo do Camiño de Santiago durante dez días en agosto de 2011
(Tradución de Paz Huete Iglesias)