Encontro coas linguas no Camiño de Santiago

O Camiño de Santiago non é só unha viaxe polo interior dun mesmo. Progresivamente fun caíndo na conta de que o Camiño tamén está determinado por unha interacción. Aínda máis: o Camiño mantense vivo pola xente que o elixe. Os peregrinos chegan de todas as partes do mundo e levan un anaco da súa terra natal cara Santiago.

Os lugares de encontro foron, aparte dos camiños, sobre todo os albergues onde nos detiamos cada día para coller forzas para a seguinte etapa. Algúns destes aloxamentos limitábanse a unhas cantas camas, outros ofrecían refuxio a unhas 100 persoas. A convivencia nestes albergues foi unha das experiencias máis marabillosas para min. Foi realmente emocionante ver como xente de diferentes culturas e costumes conseguían cultivar un trato tan considerado e xeneroso os uns cos outros. Sempre había un animado intercambio. O medio podía ser a música, a danza ou a comida, pero sobre todo era a lingua a que nos unía.

Gocei especialmente de poder expresarme en diferentes idiomas, xa que o feito de dialogar a través das fronteiras do meu país sempre foi cuestión de amor. Ao inicio do Camiño Francés, era a francesa a lingua máis usada entre os peregrinos. Dende que empezara a universidade rara vez atopara a oportunidade de poder falar francés e foi realmente incrible a cantidade de palabras que volveron á miña memoria de todo o que anteriormente intentara gravar nela a través de cadernos de vocabulario e gramática. Pouco a pouco os franceses foron desaparecendo e comecei a me expresar cada vez máis na miña segunda lingua materna. Así que empecei a falar español cos paisanos e puiden aprender moito sobre os hábitos e costumes dos residentes das zonas rurais do norte de España. Durante un tiempo uninme a un grupo de italianos que me falaban constantemente na súa lingua materna. Axiña fun capaz de orientarme na lingua falando unha mistura de español e italiano, que acabou por se parecer á forma de expresarse que tiña o meu grupo. Falaban rápido pero os seus miles de xestos, que acompañaban as nosas conversacións como unha especie de linguaxe de signos, mostráronme o camiño.

O que me abraiou foi o grande número de daneses que coñecín durante a miña viaxe. Era como se a raíña Margarida tivese chamado persoalmente ao seu pobo a peregrinar. Axiña foron máis daneses que franceses os que coñecín no Camiño e cos que tratei de refrescar os meus coñecementos de idiomas.
Con moitas outras nacións, vinme obrigado a recorrer á forma internacional de comunicación: o inglés. Pero obrigueime a aprender polo menos a fórmula de saúdo segundo a terra de cada un. Así que cando cheguei á catedral de Santiago saudei aos meus compañeiros de peregrinación en chinés, sueco, finés, portugués e polaco para devolverlles un anaco daquelo co que eles me enriqueceran.
Comecei este Camiño en agosto de 2011 e aínda hoxe debo recoñecer que aínda non cheguei á meta. O Camiño non remata. Facendo o Camiño os homes intérnanse nunha senda cara á felicidade. O Camiño de Santiago abre os ollos a algo que un levará como equipaxe o resto da súa vida: concentrar a mirada no esencial e desenvolver un sexto sentido e así escoitar os latexos do propio corazón.

 

 

 

Fabian Paez (1987) criouse en Copenhage e Kiel e fixo o Camiño de Santiago no 2011 dende Saint-Jean-Pied-de-Port durante 4 semanas.

 

 

Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN            KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
Congress Santiago (21./22.10.2011)
Congress Santiago (21./22.10.2011)