Están no Pórtico da Gloria. Bastián explora cos seus ollos cegos, de grises e
brancos bretemosos.
Aí, sinala, aí está o sorriso da pedra. O grande enigma. É Daniel, o profeta, a única
estatua do románico con sorriso pícaro. Arriba a orquestra dos anciáns da
Apocalipse. Por aí, á dereita, hai un home que come un crocodilo. E tamén o
tentáculo dun polbo. Abaixo, a animalia do Inferno. No centro, claro, o Creador. E aí,
aí está o sorriso. ¿Sabes, Mireia, por que sorrí? Sígueo na mirada. Fíxate enfronte.
Hai unha Salomé. Unha fermosa muller de peitos xenerosos, que aínda o eran máis,
de non rebaixalos a cicel a censura. ¡E ese é o grande enigma!
É a primeira vez que Mireia devolve un sorriso despois de moito tempo.
O Pórtico da Gloria, isto si que é unha obra aberta. Calquera ten lugar. Unha vez,
conta Bastián, chegou un peregrino moi do norte, do país dos viquingos. Longa
barba e feito coiro polo duro camiño. Sentou aí na base e xa non se moveu. Un
mendigo de pedra. Ata que un día apareceu un mozo de acabalo e con outro corcel
da brida. Foi cabo del e soamente lle dixo: ¡Xa podes volver, papá! E a estatua
ergueuse sen máis e marchou tras do fillo.
Rivas, Manuel: “A rosa de pedra” en: Ela, maldita alma. Vigo: Editorial Galaxia, 1999. pp 101-102.