Anno Domini 1607

Fun dende Cracovia ata París, Francia, xusto despois da honrosa Pascua, cando a súa maxestade o defunto rei Sexismundo III armado co seu exército e o seu hetman de batalla, o señor Stanislaw Żółkiewski, un nobre de Lviv, saía cara a reunión do parlamento de Varsovia, despois da cal, durante a guerra civil, tivo lugar a estéril batalla de Guzów.

            (...)

            De Praga fun a Núremberg e de Núremberg a Estrasburgo. Entre Núremberg e Estrasburgo ocorreu que, cabalgando a través do enorme bosque, tupido e cheo de sendas, perdín todo contacto coa miña xente. Sen falar nin entender nin unha palabra de alemán, só lembro ter que cruzar un río corenta e unha veces para atopar un aloxamento para durmir. Contei cada travesía coa axuda do rosario. A miña xente pensaba que me dirixía á vila, así que non se preocuparon por min. Cando caeron na conta de que non aparecía e preguntaron en van se alguén me vira, comezaron a se preocupar. Ao final foron á vila e, ao non me atopar, comezaron a chorar e a laiar. Ordenaron que se me buscase a pé e botaron a andar eles tamén. Cando comezou a amencer cheguei ás aldeas dos arredores e cando nos atopamos, demos xuntos grazas ao Señor Deus.

            Despois cabalguei durante uns días ata Estrasburgo, dende Estrasburgo a Lorena, pasando por Nancy, onde hai un fermoso forte. Dende alí fun ata a Champaña, pasando por Châlon sur Marne, a cidade de maior tamaño da Champaña, bastante grande e poboada. A poucos días de Pentecoste saín de alí rumbo a París. Ao longo da miña peregrinación dende Praga ata Francia, pasando por chan alemán, as cidades máis bonitas foron estas: Núremberg, unha cidade moi grande, rica en mercados, diversos negocios e casas, e altas vivendas de aluguer, aínda que tamén con rúas estreitas; e Estrasburgo, unha cidade grande e bela á beira do Rin, onde se eleva unha torre entre outras fermosas torres e que é proba da excepcional habilidade manual e grandeza cristiás.

 

Sobieski, Jakub: Peregrynacja po Europie (1607-1613) / Droga do Baden (1638), oprac. Józef Długosz, Wrocław: Zakład Narodowy Im. Ossolińskich, 1991, págs. 43-46.

 

Tradución inédita de Paz Huete Iglesias.

 

Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
Sprachen und Sprachpolitik entlang des Jakobsweges, Romanisches Seminar der CAU zu Kiel: 28.05.2013
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN            KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
EUROPA AUF DEN JAKOBSWEGEN KIEL, LANDESHAUS: 22. 11. – 19. 12. 2011 | CENTRE CULTUREL FRANÇAIS, KIEL: 24.01. - 24.02.2012
Congress Santiago (21./22.10.2011)
Congress Santiago (21./22.10.2011)