A peregrinación hoxe en día está caracterizada sobre todo pola súa interculturalidade. O intercambio con outros peregrinos é a experiencia que máis se me quedou grabada na memoria. Impresionoume moito a gran cantidade de nacións diferentes que tiñan representación no Camiño de Santiago: España, Alemaña, Francia e Italia, pero tamén Dinamarca, Australia, Austria, Estonia, Canadá, Israel, os EEUU, México, Corea... Neste sentido fíxoseme moi claro o atractivo que ten o Camiño de Santiago.
Grazas aos meus coñecementos de linguas estranxeiras tiven a sorte de poder establecer contacto con moitos peregrinos. Sempre xurdían conversas e de cada unha delas aprendín algo novo. Mesmo nalgunhas situacións puiden facer de intérprete entre peregrinos de distintas orixes, algo que me pareceu realmente enriquecedor.
Xa que moitos dos peregrinos eran alemáns e algúns españois sabían un pouco de alemán, non foi indispensable dominar a lingua española. Con todo, foron os meus coñecementos en español, inglés e francés os que ao principio me posibilitaron o contacto con outros peregrinos de distintos países.
Dende o meu punto de vista o Camiño de Santiago vive grazas ás distintas linguas, que unen aos peregrinos e facilitan o intercambio. As linguas están presentes como medio do intercambio cultural e como elemento unificador.
[...]
Aínda que tamén resultaba entretido peregrinar en compaña e parolar sobre isto e o outro, despois de certo tempo sentín a necesidade de camiñar e estar soa. Nos días seguintes intentei atopar un termo medio e conseguín percorrer sen compaña algúns treitos das etapas diarias. Camiñando soa pódeste observar a ti mesma e comprobar que cousas se che pasan pola cabeza cando lle dás vía libre á imaxinación. Moitas veces pensaba en decisións importantes que afectarían ao transcurso da miña vida, pero outras simplemente eran fantasías, unha das miñas cancións favoritas ou palabras ou refráns novos en español que collera ao voo. No meu diario pode lerse: “Soñar esperta é algo fermoso!”
Mesmo a pesar de que o feito de concentrarse nunha mesma é un aspecto fundamental da peregrinación xacobea, ao Camiño o que lle dá vida é o sentimento de compaña e de grupo, sobre todo despois de camiñar unha etapa cando os peregrinos se atopan no albergue xa pola noite. Non podería ter imaxinado a viaxe sen o intercambio e sen o contacto con outros peregrinos.
[...]
O meu diario cada día volvíase máis importante. Era un componente fixo da miña rutina como peregrina no que polas tardes, ao chegar aos albergues, grababa aquelo que vivira e como me sentira. Xa cara ao final o feito de escribir axudoume a conservar e reter todos os meus pensamentos, cosa que foi necesaria xa que a miña mente rebosaba de coñecementos e lembranzas do pasado. No Camiño de Santiago aprendín moitas cousas novas para min e sobre min.
O rapaz español que coñecera o primeiro día e que percorría o treito dende Saint-Jean-Pied-de-Port ata Fisterra por sexta vez díxome na nosa despedida: “Santiago cámbiache a vida”. Xa veremos se isto tamén se me pode aplicar a min. O que sen dúbida me levo do Camiño é a apertura ao novo e o non ter medo ao descoñecido.
Despois destas catro semanas hai algo que me queda claro: o Camiño de Santiago foi unha experiencia extraordinaria que enriqueceu a miña vida en moitos aspectos. Claro que a vida do peregrino trae consigo moitas limitacións e incomodidades, pero a pesar disto paga a pena.
Os pensamentos sobre a miña viaxe demostran que o Camiño de Santiago é moito máis que un camiño de peregrinación; é un lugar para moverse e para o intercambio intercultural entre persoas de distintas orixes e con distintos motivos e motivacións. Unifica á xente a través da tradición centenaria e dá a posibilidade de tomarse o seu tempo e poder dedicarse a unha mesma, o que fai que percorrer o Camiño de Santiago se convirta nunha viaxe por outro mundo. O Camiño de Santiago permite á xente darse un respiro e facer unha pausa nestos tempos tan atafegantes nos que vivimos.
Delia Böttcher fixo o Camiño de Santiago dende Burgos a Fisterra durante un mes no verán do ano 2011.
(Tradución do alemán de Paz Huete Iglesias)